A caída da URSS e do bloque socialista supuxo o maior golpe á clase obreira mundial no século XX, e unha das máis terribles consecuencias deste suceso foi a maior liberdade do capital internacional para impoñer as súas políticas económicas. A caída do bloque do leste deu lugar a un cambio na definición da centralidade do eixo ideolóxico, desprazado agora cara á dereita en base ao liberalismo. As posicións políticas dentro da esquerda que históricamente foron consideradas como reformistas ou moderadas pasaron a ser consideradas posición radicais no novo eixo de deseño liberal; isto suporá o progresivo abandonamento do vello “Estado de benestar”.

Venezuela non queda á marxe desta nova dicotomía. Hoxe, Venezuela, como todos sabemos, encabeza ante a prensa do capital mundial a auténtica encarnación de todos os males deste mundo, a pesar que a revolución bolivariana non está en absoluto nunha fase de socialismo, e moito menos de comunismo como se predica dende os estercorarios dos medios de comunicación.

Para sorpresa do imperialismo norteamericano, as novas esperanzas da clase obreira materializáronse no xurdimento de gobernos revolucionarios nacional-populares no propio “patio traseiro” dos EE.UU. Venezuela representa hoxe un exemplo ineludible, aínda que como é normal non estea exento de erros, para calquera pensamento que se considere progresista. Tras esta breve introdución, faremos unha análise da situación en Venezuela dende a irrupción no poder do chamado Socialismo do século XXI.

Contexto histórico

A historia contempóranea de Venezuela antes da Revolución Bolivariana está marcada pola tutelaxe de Estados Unidos, tanto baixo a forma de ditadura militar coma de parlamentarismo burgués, cunha marcada relación de neocolonialismo extractivista dos principais recursos naturais de Venezuela, principalmente hidrocarburos, deixando ás clases populares á marxe dos beneficios das rendas petroleiras. Debido ao seu carácter rendista e subdesenvolvido, a crise do petróleo dos anos 70 supuxo un durísimo golpe para a economía venezolana.

Neste contexto, o político Carlos Andrés Pérez, de Acción Democrática, membro da Internacional Socialista e un dos dous principales partidos daquelas, gaña as eleccións presentándose cun discurso baseado na xustiza social e na redistribución das rendas entre as clases desposuídas. O certo foi que, tras a súa chegada ao poder, Pérez asumiu todas as políticas do FMI, traizoando as súas promesas electorais. As novas directrices do executivo venezolano incluíron medidas para liberalizar a economía que tiveron consecuencias nefastas para as clases populares do país. Debido a isto, o descontento sucédese nunha serie de protestas que serán salvaxemente reprimidas polas forzas do Estado; tratouse do chamado Caracazo de  1989. Estas accións, nas que se utilizou contra a poboación munición letal, deixaron un saldo de entre 300 e 3.000 mortos segundo diversas fontes.

caracazo
Escenario do chamado Caracazo, onde as forzas do estado reprimiron sanguinariamente ás clases populares

Ante a subordinación imperialista do goberno de Pérez e a salvaxe represión contra as clases populares, un sector do exército, de extracción popular e inspirado pola figura de Simón Bolívar, encabezará un intento de golpe de estado en 1992. Entre os militares que protagonizan a acción destacará o mozo Hugo Chavez Frías. O intento de golpe fracasou, e os militares rebeldes foron encarcerados. Hugo Chávez pasou na cadea dous anos, estancia que supuxo a súa maduración ideolóxica , pois ao longo do seu presidio adicou gran parte do seu tempo á lectura política. Tras a súa saída da cadea, Chávez apostará pola vía parlamentaria para acceder ao poder.

chavez1992
Militares encarcerados pola insurrección en 1992, con Hugo Chávez na esquerda

Cun discurso centrado na mellora da situación das clases desposuídas e a crítica ao bipartidismo imperante, Chávez sae elixido presidente en 1998. En 1999 redactouse unha nova Constitución, que suporá o inicio da Revolución Bolivariana e o nacemento da República Bolivariana de Venezuela.

As novas medidas do goberno pasarán pola nacionalización de sectores estratéxicos como o petroleiro, así coma polo incremento da participación das clases populares na vida política, ata ese momento absolutamente ignoradas, por medio de Consellos Comunais (estando gran parte da poboación nin sequera censada). Tamén foron fundamentais medidas sociais coma as Misións, cuxo obxetivo é o acceso da poboación empobrecida á vivenda, educación, sanidade ou alimentación, entre outros.

Chávez-e1454417047350-540x402
Chávez asumindo a presidencia en 1999

Esta nova axenda entrará en conflito cos intereses dos Estados Unidos, sendo aquí cando comeza, en palabras de Hugo Chávez, unha absoluta “guerra de cuarta xeración” para dinamitar o proceso revolucionario en Venezuela. As agresións imperialistas contra a República Bolivariana chegarán de todas as maneiras imaxinables: intentos de golpe de estado violentos, guerra económica, fraude electoral, folgas amarelas, etc.

O golpe de Estado de 2002

O primeiro gran asedio contra Chávez foi o intento de golpe de estado violento en abril do ano 2002. Esta intentona golpista comezou cunhas protestas encabezadas polos grupos de oposición da dereita e a patronal, que foron autorizadas polo goberno. No transcurso da marcha, os dirixentes opositores cambiaron o trazado da manifestación fóra do espazo autorizado, dirixindo aos manifestantes cara o Palacio de Miraflores (palacio presidencial), coa intención de provocar un enfrontamento violento cos manifestantes chavistas que se contramanifestaban paralelamente.

Ao chegar os manifestantes opositores a Puente Llaguno, produciranse disparos dende edificios e a rúa inferior por parte de francotiradores e forzas militares non identificadas contra os manifestantes. As distintas cadeas de televisión privadas mostrarán imaxes manipuladas dos feitos: nelas aparecen as forzas de orde do goberno disparando e a continuación amósanse manifestantes feridos e mortos por impactos de bala, dando a entender á opinión pública que estes incidentes foron causados polas forzas gubernamentais. Porén, a realidade, documentada a través de secuencias de vídeo ademais de testemuñas, demostra irrefutablemente que as autoridades venezolanas non disparaban contra os manifestantes, senón contra os francotiradores que dende as azoteas disparaban indiscriminadamente. Esta notitia criminis, común nas chamadas “Revolucións de Cores”, será utilizada posteriormente contra o gobernó lexítimo de Ucraína durante as revoltas do Euromaidan.

En todo caso, esta propaganda foi presentada polas forzas da oposición coma unha mostra da suposta represión dun réxime dictatorial, e serviu de pretexto a militares reaccionarios para impulsar o golpe de estado. Os golpistas instauraron, en contra da vontade do pobo venezolano, ao empresario Pedro Carmona no poder, poñendo en perigo o proceso revolucionario.

No transcurso do golpe, numerosas autoridades bolivarianas serán detidas; destaca o secuestro do Ministro de Interior e Xustiza, Ramón Rodríguez Chacín, cuxa vivenda foi invadida en presencia da súa familia e contra o cal case se leva a cabo un linchamento. Neste acto fascista estarán implicados Leopoldo López e Henrique Capriles, alcaldes nese momento de Baruta e Chacao respectivamente. Tamén cabe destacar os violentos ataques contra as embaixadas cubanas.

Tras dous días de confusión, masivas mobilizacións cívico-militares conseguen o retorno de Hugo Chávez á presidencia, logo de ter sido secuestrado polos golpistas. Contrariamente ao que calquera suposta  ditadura faría, o propio Chávez amnistiaría aos golpistas de 2002.

O Paro petroleiro de 2002-2003

A seguinte acometida contra Venezuela sería o Paro Petroleiro en 2002-2003. A cuestión lóxica de calquera manifestación destas características busca a mellora da situación laboral dos traballadores, fora de toda lóxica convencional será a patronal, en ausencia de conflito laboral algún,a que  convoca un paro ”cívico” que buscaba perxudicar a principal fonte de ingresos do estado venezolano. Tendo en conta que os ingresos petrolíferos de Venezuela cubren a inmensa parte do gasto público calquer ataque contra este sector resulta significativo para a súa economía. Este paro, patrocinado polas altas esferas do empresariado (Fedecámaras), sindicatos amarelos como a CVT, parte da cúpula da empresa pública PDVSA, a Igrexa Católica ou tránsfugas do chavismo, buscaba a liberalización do comercio de petróleo, que como dicimos estaba nacionalizada e a saída do presidente Hugo Chávez do goberno. O fracaso da movilización foi estrepitoso, a oposición non conseguiu socializar ningún malestar entre a poboación venezolana.

Ante estes fracasos a oposición tivo que recorrer a prácticas paramilitares, que supuxo a coñecida “Masacre da Praza de Altamira”. O 6 de decembro un pistoleiro, Joao de Gouveia, abriu fogo matando a tres antichavistas e ferindo a 13 máis durante as movilizacións na mesma praza.

Novamente isto serviu para culpar ao goberno de asasinar manifestantes opositores, os medios de comunicación privados encargáronse de manipular os feitos que durante literalmente 24 horas ao día cubrían ininterrumpidamente os sucesos de Altamira. O autor dos disparos foi inmediatamente detido e acabará por confesar que fora contratado polo xeneral golpista Medina Gómez recibindo a cambio 35 millóns de bolívares. Ademais deste producíronse unha serie de asasinatos a cargo de mercenarios da oposición contra a mesma oposición.  O seguinte vídeo é tremendamente instructivo acerca dos acontecementos:

O paramilitarismo opositor

O paramilitarismo estará moi presente ao longo do proceso revolucionario bolivariano, como un mecanismo da oposición para derrocar ao gobernó ou crear unha opinión internacional do gobernó do chavismo como dictatorial, favorecendo así unha intervención extranxeira contra o poder soberano democráticamente elixido.

O seguinte capítulo do paramilitarismo constitúeno os sucesos na Facenda Daktari. Neste contexto é importante falar do paramilitarismo en Colombia, que adquiriu dimensións sen precedentes durante a presidencia de Álvaro Uribe, ao convertirse Colombia nunha exportadora de paramilitares por toda América Latina. O uribismo convertiuse nun auténtico movemento terrorista e xenocida. A través do apoio a grupos paramilitares de extrema dereita os distintos gobernos de Colombia ata día de hoxe exercen un exterminio sistemático de calquera persoa que profese calquer atisbo de esquerdismo, todo isto baixo o paraugas da loita contra as distintas organizacións belixerantes en Colombia como FARC-EP, ELN, EPL ou o M19.

Para entender a dimensión das políticas de exterminio ao longo da historia política colombiana recomendamos a lectura dos sucesos que sucederon contra o partido Unión Patriótica, partido de esquerdas do cal dous candidatos presidenciais, os avogados Jaime Pardo Leal e Bernardo Jaramillo Ossa, 8 deputados, 13 deputados, 70 concelleiros, 11 alcaldes e ao redor de 3500 dos seus militantes (outras fontes afirman que houbo uns 5000) foron sometidos a un exterminio físico e sistemático por grupos paramilitares, membros das forzas de seguridade do Estado (exército, policía secreta, intelixencia e policía regular) e narcotraficantes durante os anos 80 e 90.

Volvendo ao contexto do uribismo en maio de 2004ª Intelixencia Venezolana desarticulou unha rede de paramilitares procedentes de Colombia e baixo apoio de Álvaro Uribe. Foron detidos 153 paramilitares na facenda Daktari, contratados pola dereita venezolana para asesinar a Hugo Chávez. Algúns dos suxeitos detidos estiveron implicados en terribles crimes como a realización de “corbatas colombianas”. Entre os políticos implicados estaba o antigo golpista Pedro Carmona, que vive asilado en Colombia ou Henrique Capriles(nese momento alcalde de Baruta, onde se atopaba a facenda Daktari, e que a través da policía local mantiñan encubertos aos paramilitares) entre outros. Por suposto estes feitos foron tildados de “teatro” por parte da oposición.

Recentemente o paramilitarismo contra Venezuela levouse a cargo do militar Óscar Pérez, autor dun bombardeo con granadas a mans dun helicóptero roubado contra a Sede do Ministerio Público, o Tribunal Supremo de Xustiza(onde atopábanse incluso preescolares na gardería) causando dous mortos e varios feridos. Os medios internacionais e a dereita encargaranse de idealizar a este criminal fascista mentres que as autoridades venezolanas conseguen abatilo nun tiroteo contra a banda terrorista de Pérez.

Ademais de todas as intentonas paramilitares, no ano 2004 tamén prodúcese un intento de derrocar a Hugo Chávez pola vía parlamentaria. A Constitución venezolana de 1999 establece a posibilidade dun referendo revocatorio contra o presidente da república, Hugo Chávez sairá victorioso deste proceso baixo acusacións de fraude por parte da oposición. Maila estas acusacións de fraude a propia administración Bush (coñecido por non ter precisamente boas relacións con Chávez) ou a Asociación Carter, que chegou a definir en 2012 o sistema electoral venezolano como o mellor do mundo, recoñeceron os resultados favorables a Chávez.

Ao longo do seu mandato Hugo Chávez logrou consolidar electoralmente o seu poder a través de preto dunha vintena de procesos electorais, en contraste coa opinión internacional que o acusa de dictador. O balance económico da súa xestión foi espectacular, sendo isto recoñecido incluso por medios hostís como a BBC; os datos obxetivos contradín de maneira taxante os tópicos difundidos pola maioría de medios internacionais. Entre os mesmos, queremos destacar os seguintes:

  • Redución da pobreza nun 20,8% entre 2002 e 2010, pasando dun 48,6% en 2002 a un 27,8%. Fonte: CEPAL
  • Redución da pobreza extrema dun 22,5% a un 10,7%. Fonte: CEPAL
  • Incremento do IDH ata un 0.735. Fonte: Programa das Nacións Unidas para o Desarroio (PNUD)
  • Redución da desigualdade, medida polo coeficiente Gini: dun 0.498 a un 0.394
  • Acceso das clases populares a servizos como vivenda pública, educación (recoñecendo a Unesco a Venezuela como “Territorio Libre de Analfabetismo”), cultura ou participación política, a través das chamadas Misións.

O goberno de Nicolás Maduro

En 2013 Hugo Chávez falece vítima dun cancro. O seu vicepresidente, Nicolás Maduro asumirá a dirección do PSUV. Nas eleccións presidenciais de 2013 Maduro é elixido presidente, ante, coma sempre, novas acusacións da oposición de fraude, ao ser incapaces as mesmas de acadar o poder por vía parlamentaria. Henrique Capriles descoñecerá os resultados do sufraxio, que foron validados polo Consello Nacional Electoral –un dos cinco poderes existentes en Venezuela xunto co lexislativo, executivo, xudicial e cidadán-; o sistema electoral venezolano apenas permitía un marxe de erro do 0,02%, e, aínda así, para disipar toda dúbida fixéronse unha serie de auditorías con igual resultado.

Tras seis meses de goberno, Maduro fará uso da Ley Habilitante para combater a corrupción dentro do PSUV. En febreiro de 2014 sucede un novo episodio de violencia: o das chamadas Guarimbas de 2014, no que violentos manifestantes buscan o derrocamento violento de Nicolás Maduro a través da operación “La Salida”, liderada polos líderes da oposición María Corina Machado (do sector máis pro-estadounidense, que recibe financiación a través da súa plataforma Súmate), Henrique Capriles e Leopoldo López.

guarimbas2014
Manifestante empregando un morteiro caseiro durante as guarimbas de 2014

Acerca de Leopoldo López todos escoitamos asiduamente noticias nos principais medios de comunicación, polo que é mester plasmar o perfil dun dos suxeitos máis perigosos da oposición venezolana. López, definido pola propia revista estadounidense Foreign Policy coma “enxendro estadounidense”, participou previamente á súa carreira política en distintas institucións vinculadas á CIA. Tal é a vinculación de López a esta que nos documentos filtrados por Wikileaks o seu nome sae mencionado 77 veces. Durante os últimos 12 anos a oposición foi financiada polo Departamento de Estado norteamericano.

oposicion

Asumiu durante anos a alcaldía do municipio de Chacao onde protagonizou  persoalmente durante a intentona golpista de 2002 no secuestro ilegal de Pérez Chacín, entón Ministro de Interior, e asinou o documento que ratificaba ao golpista Pedro Carmona como sustituto ao democráticamente elixido Hugo Chávez. Ademais, apareceu publicamente xunto ao entón autoproclamado presidente na súa presentación, como se aprecia na seguinte fotografía:

primero-justicia-golpismo
Julio Borges, Leopoldo López e Henrique Capriles, figuras de primeira orde na oposición ao chavismo durante a sinatura do nomeamento do golpista Pedro Carmona

A súa xestión en Chacao caracterizouse pola corrupción, sendo López inhabilitado politicamente en dúas ocasións por desvío de fondos públicos da petroleira estatal PDVSA. Contrariamente á imaxe victimista dos medios de comunicación, Leopoldo López non aposta pola vía pacífica no terreo político, como se pode comprobar por numerosas declaracións do mesmo.

Volvendo aos feitos de 2014, as protestas violentas cóbranse a vida de 43 persoas, a meirande parte deles chavistas. Os métodos empregados pola oposición nas rúas poden calificarse sen ningún complexo como auténticas accións terroristas. Será común o uso por parte dos mesmos das coñecidas como “guayas”, cables de aceiro colocados de lado a lado as rúas de Caracas a un un metro e 20 centímetros de altura co fin de decapitar a membros da policía motorizada ou civís, e poder así cargar a cifra de mortos ao goberno. A colocación de “guayas” é animado explícitamente por membros da oposición, como se pode apreciar nestas capturas do perfil en twitter do militar opositor Angel Vivas:

guayas

Como resultado dos graves incidentes de 2014, Leopoldo López, principal instigador da violencia, será acusado cos cargos de instigación pública, danos á propiedade, incendio e asociación para cometer un delito. López será xustamente condeado a 13 anos de prisión por feitos que en calquera país demócratico serían obxeto incluso de cadea perpetua, sobre todo vendo o criterio de “protestas violentas” co que o estado español criminaliza aos pacíficos promotores do independentismo catalán. De ocorrer uns feitos así no Estado español encabezados por, por exemplo Arnaldo Otegi, resulta evidente que o castigo sería moitísimo máis severo. Malia estas reflexións, o Estado español, a ollos da opinión pública, é unha democracia exemplar, e Venezuela unha terrible dictadura onde “pacíficos” opositores son indiscriminadamente encarceados. Na seguinte ligazón figuran as víctimas das guarimbas de 2014, nome por nome xunto coas circunstancias das súas mortes: http://albaciudad.org/2014/04/conozca-los-26-fallecidos-a-un-mes-del-inicio-de-las-protestas-opositoras-la-gran-mayoria-son-victimas-de-las-barricadas/

Posteriormente a oposición buscará a aprobación dunha Ley de Amnistía onde se buscaba despenalizar delitos de sangue, uso de explosivos, incendio, especulación e contrabando con bens de primeira necesidade, ou accións golpistas en 2002 e 2014.

O conflito de 2017-2018

A recente situación política en Venezuela prodúcese a raíz dun conflito entre o poder executivo, en mans do chavismo, e o lexislativo, de maioría opositora dende as eleccións parlamentarias de 2015, na que esta saiu gañadora (cometendo para iso como se verá, diversas tácticas delictivas). A razón de dito conflito é que a Asemblea Nacional, a cámara lexislativa, atópase en desacato por decisión do poder xudicial, debido a graves irregularidades nos procesos electorais, en concreto demostrouse a compravenda de votos no estado de Amazonas do Sur, véndose emboltos dous deputados da oposición e un chavista (que a raíz disto foi relevado dos seus cargos). A oposición négase a retirar estes deputados fraudulentos, cuxa culpabilidade está rotundamente demostrada a través da filtración dunhas conversas telefónicas; estes deputados apórtanlles a maioría total e o control da cámara lexislativa.

Aplicando os artigos que van dende o 347 ao 349 da Constitución venezolana, ponse entón en marcha o proceso electoral para elixir, mediante sufraxio directo, aos novos deputados dunha Asemblea Nacional Constituínte para asumir o poder lexislativo e acabar co impasse producido polo devandito conflito, tendo a oportunidade tanto chavismo coma oposición de solucionar o problema de forma democrática e pacífica. Porén, malia a lexitimidade constitucional do proceso, os medios occidentais recolleron estas informacións como un “autogolpe de Maduro”.

constituyente

Paralelamente, neste contexto de crise política en Venezuela, prodúcese un dos maiores e máis violentos episodios de guarimbas. En 2017 rexistráronse nas violentas mobilizacións un total de 131 falecidos. A propaganda anti chavista adxudicou esta violencia ás “forzas represivas de Maduro e aos colectivos chavistas” (colectivos de autodefensa civil); a oposición internacional encargouse de manipular ata a última morte nas rúas, sendo a inmensa mayoría mortes provocadas polos opositores(en barricadas, por accidente, queimadas vivas por parecer chavistas…). Tampouco se recolleu nos medios privados que un total de 40 efectivos policiais foron procesados, detidos ou solicitados pola xustiza para xulgar posibles excesos. Un dos episodios máis significativos foi o asasinato por bandas armadas contratadas pola oposición do maxistrado que condeara a 13 anos de cadea a Leopoldo López; este último, no momento en que foi dictada a súa condea, dixo contra o maxistrado que “vostede arrepentirase máis ca min desta sentenza”. A lista dos falecidos nas guarimbas atópase amplamente documentada neste enlace. http://albaciudad.org/2017/07/lista-fallecidos-protestas-venezuela-abril-2017/

Nas eleccións para este novo poder a oposición autoboicoteouse, para tentar restarlle así lexitimidade á institución. A causa desta estraxeia, non presentan candidatos, e o chavismo obtén unha aplastante mayoría. A nova ANC aproba un programa de reformas legais que logo foron sometidas a consulta popular para aprobalas definitivamente. As medidas aprobadas pola ANC son dunha importancia trascendental, entre as que cabe destacar a blindaxe legal das Misións, das que se beneficia boa parte da poboación e que de chegar a oposición ao poder veríanse dinamitadas; medidas contra a guerra económica; a busca dun novo modelo económico que busque unha menor dependencia externa, en particular dos prezos dos hidrocarburos; e medidas destinadas a acadar a paz social.

Moitas veces empréganse contra o proceso bolivariano argumentos económicos, falando dunha suposta nefasta xestión a mans do chavismo. Porén, a verdade non pode estar máis afastada destes supostos. A situación económica en Venezuela é debida principalmente á guerra económica contra Venezuela, que busca dinamitar o proceso dende dentro e fora e achacar este fracaso ao “socialismo”. A guerra económica contra Venezuela resúmese nos seguintes puntos:

  • Desabastecemento programado por parte do empresariado venezolano, deixando sen bens de consumo aos minoristas. Isto prodúcese debido ao control destes sectores, coma o alimentario polo conglomerado POLAR S.A., do mercado destes bens.
  • O denominado “bachaqueo” por redes criminais, consistente no contrabando con bens de primeira necesidade, producindo unha inxente inflación.
  • Bloqueo financeiro contra Venezuela, deixando sen financiación ao país. Como feito representativo disto, destaca o bloqueo das transaccións económicas por parte de J.P. Morgan polo pago de 300.000 unidades de insulina, tendo que adquirilas o goberno venezolano a través da India, incrementando así o prezo e o coste. Logo, os medios de comunicación encárganse de dicir, de maneira absolutamente hipócrita, que non hai medicinas en Venezuela por culpa de Maduro, e de facer shows mediáticos con personalidades como Albert Rivera e Lilian Tintori recollendo medicinas en Madrid e logo abandonándoas nun almacén: https://www.lamarea.com/2016/07/13/la-esperpentica-historia-las-medicinas-recogidas-madrid-venezuela/
  • Calificación de risco de pagos absolutamente irreal por parte de entidades privadas, a pesar de se ser o goberno venezolano un dos mellores pagadores de débeda externa.
  • Manipulación do tipo de cambio do bolívar a través do dólar paralelo, principalmente a través da empresa Dollar Today, que opera na fronteira con Colombia de forma irregular e que conta co respaldo da comunidade internacional contra Venezuela. Como resultado disto o tipo de interés é absolutamente irreal, á marxe das leis da oferta e da demanda e totalmente arbitrario.
  • Dinamitación da empresa PDVSA a través de corruptelas, cuxos implicados foron blindados pola exfiscal opositora Luisa Ortega, tentando un fracaso da principal fonte de ingresos do país co obxectivo de culpar á xestión pública do fracaso da economía.
  • Expulsión de Venezuela do Mercosur, por iniciativa de Brasil (en mans do golpista Temer) e Arxentina (baixo as gadoupas do ultraliberal Macri), a pesar de cumplir o 95% dos requisitos para formar parte desta institución.

Malia o asedio económico por parte do imperialismo, dende unha perspectiva marxista vémonos obrigados a criticar o sistema capitalista imperante en Venezuela, o que somete á súa economía ás crises de acumulación periódicas que padece todo sistema capitalista e do que non está exento o mal chamado “socialismo do século XXI”, que non é máis ca un capitalismo rentista petroleiro, cuxa coxuntura depende esencialmente da variación dos prezos dos hidrocarburos. Se o proceso bolivariano quere sobrevivir, deberá afondar na construcción do socialismo real.

No contexto desta guerra económica, a ANC aproba medidas pertinentes contra este conflito, mencionadas con anterioridade neste artigo, entre as que se destaca a creación do Petro, unha criptomoeda respaldada polos recursos minerais do país, para así superar as barreiras do bloqueo financeiro orquestado contra Venezuela.

A recente superación da ofensiva contra o proceso bolivariano en 2017, tanto no aspecto económico coma o insurreccional ou o electoral, converte á Revolución bolivariana no referente hexemónico da esquerda latinoamericana ante a ofensiva liberal contra os demais países da rexión. O novo reto do chavismo pasa polas eleccións presidenciais en 2018, ás que chega cunha considerable forza fronte a unha oposición totalmente desacreditada ante os ollos do electorado.